sábado, 13 de febrero de 2016

UNHA MASA DE AIRE FRÍO POLAR AFECTARÁ A ESPAÑA NOS VINDEIROS DÍAS


Estamos a 13 de Febreiro, en plena estación Invernal, pero o frío característico desta época aínda non deu sinais de vida. E é que este Inverno estase caracterizando por ter temperaturas máis altas do normal, xa que non tivemos ningún episodio de frío destacable, agás os descensos de temperatura típicos despois do paso dunha fronte, pero nada importante que resaltar.

O certo é que dende fai varios días, os modelos veñen avisando da entrada, durante a xornada de mañá Domingo, dunha masa de aire frío polar marítimo que fará descender as temperaturas e, con ela, a cota de neve que se situará en valores relativamente baixos. Ademáis, hai que resaltar que será marítima, co que trairá moita humidade con precipitacións tipo chuvasco que se darán en toda Galicia e que por momentos poden ter intensidade puntualmente forte, vir acompañados de treboada e tamén de sarabiadas. Teremos un cóctel típico do Inverno Galego: chuvias, vento forte, neve, sarabia, treboadas e frío, non vai faltar de nada!

E é que, como vedes na imaxe superior, o Anticiclón das Azores volverase forte tras estar uns días relegado cara o oeste e bastante mermado, o que permitiu que tiveramos unha semana tan chuviosa, na que incluso se superaron algúns récords de precipitación en 24 horas, como é o caso do Aeroporto de Vigo, por exemplo. Entre o Anticiclón das Azores, bastante forte e con ganas de ascender de latitude, e un centro de baixas presións que se situará no oeste de Europa, canalizarán vento do Norte bastante forte que trairá consigo unha masa de aire frío polar.

Fixádevos, ademáis, como a natureza sempre busca compensar. Se a unha masa de aire frío lle dá por descender moito de latitude, como será o caso deste Domingo, para "igualar forzas", o aire cálido tamén ascende moito de latitude, como por exemplo no Atlántico e tamén no Mediterráneo Oriental.
                                                                                                          
Como vedes nesta animación, que mostra o camiño que seguirán as diversas masas de aire dende hoxe Sábado ata o vindeiro Mércores, a masa de aire frío chegará, nun primeiro momento, dende o Atlántico, cargada de humidade e deixando moita neve nas nosas montañas. Pero o Anticiclón irase tumbando cada vez máis preto da Península Ibérica e iso configurará unha situación de vento do Nordés, xa máis seco, pero tamén máis frío! E é que cando unha masa de aire frío pasa por unha gran superficie oceánica, vai perdendo as súas propiedades e quentándose algo, pero se, pola contra, viaxa por grandes superficies continentais, o frío que leva consigo aguanta máis.

Isto que acabo de comentar védelo ben na animación. Se vos fixades, esta masa de aire frío chega dende o Atlántico, non o fai con cores tan oscuras, pero cando se torna máis continental, as cores vólvense azul oscuro, mesmo chegando a acadar o valor de -8ºC a 1500 metros de altura no NorEste da Península, especialmente nos Pirineos. Alí onde o vento calme e os ceos queden despexados, as xeadas serán especialmente importantes, xa que estamos falando do primeiro envite frío serio da temporada, e xa estamos na metade de Febreiro!                            

 -Onde nevará en Galicia? 
 

Mañá Domingo nevará en Galicia por riba dos 500/600 metros, puntualmente por debaixo, nalgún desplome puntual, xa que os chuvascos serán intensos e estos arrastrarán grandes masas de aire frío dende a parte alta da nube que pode facer que posiblemente se vexa nevar sobre os 400 metros aproximadamente.

O certo é que os modelos poñen bastante precipitación en toda a comunidade, polo que a nevarada por riba dos 700/800 metros, e especialmente, como non, na alta Montaña, pode ser considerable, tal e como vedes na imaxe superior. Manéxanse espesores de máis de 30/40 cm na alta montaña de Lugo e Ourense, por isto, a AEMET viuse obrigada a activar un aviso laranxa por espesores de máis de 25 cm nestas zonas, e tamén na montaña do Sur de Ourense, onde está activado o nivel laranxa por espesores de máis de 10 cm.

Xa máis cara o oeste, no interior de Pontevedra e no oeste de Lugo, tamén se agardan nevaradas, con espesores de máis de 5 cm, por isto está activado o aviso amarelo nestas zonas. Lugares como o Deza, o Paraño ou no alto da Cañiza tamén se verá neve, veremos como vai evolucionando a xornada.

-Seguiremos con esta tónica?


Os diversos modelos numéricos, veñen mostrando que a inestabilidade continuaría con nós durante a vindeira semana, aínda que sen tanta chuvia como a que estamos a ter estos días, pero con máis frío. O Anticiclón das Azores, como xa comentamos, estará reforzado no Atlántico e dende aí enviará vento do Norte. A día de hoxe vense cotas bastante baixas e con precipitación en gran parte da Península Ibérica para mediados de semana, pero é unha situación que está moi no aire aínda e non se pode dar por seguro nada. Na Península dependemos moito do Anticiclón das Azores e, a pouco que se se achegue ou se afaste, xa temos un episodio diferente.

Todos os detalles e a situación de última hora seguirémolo, coma sempre, na conta de Twitter, e tamén en Facebook.

Un saudo a todos os lectores deste blog! 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario